jueves, noviembre 04, 2010

TESTAMENTO


A todos vós, meus fillos e fillas queridas, déixovos a encomenda de seguirdes coa viaxe que iniciaron os nosos devanceiros hai máis de mil anos, cando fixeron nacer esta andaina de palabras e de sentires e que é a nosa fala singular. Pídovos que non sexades vós quen rache a senda que entre todos conseguimos fender na pedra da historia e que fai de nós un pobo. Rógovos que non lle poñades barreiras a este camiño de soños. Se cadra, facédeo máis grande. Andade por el. De o facer, sabede que estaredes a camiñar polos vieiros da lingua igual que camiñou o voso pai e antes ca el camiñaron outros. Paseade polo sendeiro da lingua, viaxe infinita, e facede así guieiro e facho aceso entre a néboa para os que veñan detrás de vós.
Isto é o que vos demando. Na lingua de mar da miña terra.

Francisco Castro

No hay comentarios: